O Pai Miño

Os seus 350 km de recorrido fan que se considere o río máis longo de Galicia, cunha conca de 17.026 km 2 que supón o 40% da superficie total da nosa Comunidade.

Aínda que en tempos se dicía que nacía na lagoa de Fonmiñá, hoxendía está demostrado que da os seus primeiros pasos no Pedregal de Irimia, na serra de Meira a preto de 700 m de altitude. Seis quilómetros máis abaixo, a lagoa de Fonmiñá verte os seus excedentes no Miño.

O Pedregal é unha formación periglaciar que puido acadar esa curiosa disposición e tamaño das pedras debido ás oscilacións de temperatura producidas pola auga que decorre entre elas, que foron fraccionando as pezas.

PROCLAMA AOS PEIXES DO RÍO MIÑO

MEUS amadísimos peixes, ordeados
en tribus, provincias e naciós:
salmóns, troitas, anguías,
escalos, sábalos, lampreas
e ainda o recente blas-blas...
Morades en casais, parroquias,
vilas e cidades que os humanos
non ollan nen descobren:
só a vós
vos falo pois quero sementar no voso
no voso leve e delicado corazón
a flor maravillosa do amor.
Coidade dos fondos subacuáticos
e non deixedes luxar endexamais
a pureza das augas cristalinas.
Confederádevos xa coas galiñoas,
cabaliños do demo, parrulos,
arceas e labancos:
Loita ferozmente
contra tanta polución envenenada
que vos asesina sen piedade
e destrue a beleza dos ríos
e a perfecta fermosura do mundo.
Defendede ata a morte o voso reino:
¡Fuxide das mortíferas nasas,
das invisibeis, enganosas redes,
das cordas, dos anzós, da dinamita
e habitade en paz eternamente
a maravillosa luz das ondas libres!.

Manuel María

O berce do Miño | As illas do Miño | O pai Miño

Asociación Cultural Vía Auria, sen ánimo de lucro e con sede en Ourense. Número de Rexistro 2005/008617-1 (OU)© 2005 Via Auria