| Condado de Bubal: EVOLUCIÓN DOS EREMITORIOS E CASTROS NO CONDADO DO BUBAL |
O EREMITISMO E O MONACATO
¿Que leva a certos individuos, durante a Idade Media a retirarse a refuxios para orar e vivir apartados do resto da sociedade?.
En India, monxes budistas constrúen dende o século II a.C. ata o VII d.C. as cobas de Ajanta, preto de Bombay. Petra foi tamén unha comunidade eremítica, a rexión turca da Capadocia, Arabia, o Mar Morto, son tamén exemplos de ocupación de anacoretas de vida contemplativa dende moi cedo.
Este fenómeno estendeuse a Europa e, concretamente, o norte da península ibérica amosa a maior concentración de restos rupestres destas características. A escasa presencia no sur de pegadas eremíticas, puido deberse ó impacto da invasión musulmana.
|

|
|
EREMITORIO DO COTO DE ASTRÉS
Hoxe temo-lo privilexio de visitar nos arredores da nosa cidade un conxunto arqueolóxico único e prácticamente descoñecido: o eremitorio de San Mamede do Coto de Astrés.
Nel podemos observar unha necrópole altomedieval cunha cronoloxía aproximada en torno ós s. IX e X que contén ademáis, outras curiosas estruturas e cobas que serán explicadas in situ.
|
 |
MOSTEIRO DE SANTA COMBA DE NAVES
O seguinte paso levaranos a coñecer o mosteiro do que dependía San Mamede: Santa Comba de Naves, que á súa vez, dependía do Mosteiro de Celanova.
Santa Comba de Naves está tamén moi preto da cidade e podemos chegar ata el subindo polo Camiño Real de Palmés. Aínda amosa parte das súas dependencias como un pombal e una capela exentos, e o edificio propiamente dito onde se pode adiviñar como vivían, onde se quentaban, onde comían, onde tiñan as bodegas e os lagares do viño, aqueles monxes. Regresamos polo núcleo rural de interese etnográfico de A Conchada.
Tanto San Mamede como Santa Comba debrúzanse en sendas “solainas” sobre a cidade de Ourense, cunha mirada chea de tristura polo estado de abandono que deles se apodera.
A visita a estes dous monumentos serviranos para comprender un pouco mellor o fenómeno monástico dende as súas orixes.
|

“In Bubalo Sancte Combe de Naves cum suis directuris”.
Fragmento dun documento de Alfonso VII do 4 de febreiro de 1155 que confirma varias posesións do mosteiro de Celanova, entre as que estaban Santa Comba de Naves. |
OS CASTROS: DENDE A ORIXE DEFENSIVA Á CRISTIANIZACIÓN.
“certos recintos fortificados de forma oval ou circular, provistos dun ou varios muros concéntricos, precedidos normalmente do seu correspondente foxo e situados, os máis deles, no cume de outeiros e montañas” (López Cuevillas)
Este fenómeno cultural que nace no século VI a. C. (Borneiro) parece que se mantivo arredor dun milenio e que conviviu, en ocasións, coa romanización.
Visitamos o castro de Santa Águeda, clara mostra da disposición foxo-terraplén-muralla, estudiado por Laureano Prieto e Ferro Couselo, onde se poden atopar restos de cerámica castrexa e, romana, así como da posterior cristianización coas ruinas dunha capela no seu cumio.
Para saber máis: El castro de Santa Agueda : informe de una intervención arqueológica realizada en 1963 Boletín auriense (Bol. auriense) ISSN 0210-8445 |
 |
A FORTALEZA DE A PEROXA
Xa, para rematar, veremos outro exemplo de asentamento castrexo que evoluciona a fortificación defensiva en forma de castelo: A fortaleza da Peroxa.
Todo aderezado cun río que nestas datas baixa con toda a súa enerxía a carón de corredoiras tapizadas de outono.
Preme aqui se queres saber máis sobre esta fortaleza |
 |
|
ROBERTO BLANCO TORRES
O menor de nove irmáns dun sacerdote dispensado, seu pai deulle unha sólida cultura clásica, seguindo os pasos dos seus irmáns maiores en 1906 emigrou a Cuba, alí comeza a colaborar na prensa da comunidade galega, para o que emprega o pseudónimo de Fray Roblanto, o trato con Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas foron decisivos para a súa traxectoria ideolóxica.
O semanario Follas Novas da Habana vai ser a primeira publicación que acepte os seus artigos en setembro de 1907. Tamén colaborou con Santos e Meigas , Suevia e Galicia .
En 1910 aparece o seu primeiro artigo na prensa galega, concretamente na revista Vida Gallega . No mes de decembro de 1911 dirixe a revista La Alborada e dende agosto de 1913 La Tierra Gallega , dende onde ataca a algúns dos administradores do Centro Gallego de La Habana , ao tempo que colabora na prensa cubana, en especial no Diario de la Marina e El Comercio .
A fins de 1916 regresa a Galicia, establécese na Coruña , participa nas Irmandades da Fala e a comezos de abril de 1917 publica o seu primeiro artigo en A Nosa Terra , participa na I Asemblea Nacionalista celebrada en Lugo en decembro de 1918.
En 1920 faise cargo da dirección de El Correo Gallego de Ferrol , en 1921 pasa a dirixir La Zarpa en Ourense ata 1923 no que é redactor xefe de Galicia. Diario de Vigo . En 1926 casa con Xulia Sánchez Novoa e durante uns meses de 1927 é o redactor xefe de El Pueblo Gallego
En 1929 publica Orballo da media noite , colección de 31 poemas, nos que amosa o coñecemento dos recursos da poesía vangardista e futurista, e en 1930 sae do prelo De esto y de lo otro , unha escolma de 38 artigos xornalísticos. Participou na creación da Asociación Galega de Escritores (1930).
Blanco Torres foi membro do comité executivo da Federación Repúblicana Gallega e en marzo de 1931 asume a dirección de La República de Ourense, ao tempo que comeza a desilusionarse coa actuación do seu grupo político na consecución da autonomía para Galicia, aínda así acepta o cargo de gobernador civil de Palencia entre o 29 de decembro de 1931 e o 16 de xuño de 1932 . En 1935 dirixe El País de Pontevedra , e dende maio de 1936 é o xefe do gabinete de prensa do Ministerio de Gobernación, participa activamente na campaña para a aprobación do estatuto de autonomía de Galiica.
A sublevación militar do 18 de xullo de 1936 sorprende a Blanco Torres na aldea de Amido, no concello da Peroxa , na casa familiar da súa muller, detido en setembro foi levado á prisión de Ourense, e o 3 de outubro de 1936 foi paseado polos falanxistas que o fusilan no concello de Entrimo .
Traído desde " http://gl.wikipedia.org/wiki/Roberto_Blanco_Torres " |
O teu sangue tan cercano
Mirade fixamente
o mar de tempo que tedes aí diante
e que alguén de vós, se o sabe,
aventure unha resposta
e diga qué foi de tanta auga.
No pouco que a min toca,
afeito xa a esta anguria que comigo mora,
aquí sigo, Roberto, á espreita
de que volvas, renacendo
do fecundo sacrificio da vixilia.
Ó lonxe enxergo un auto,
vai friaxe; de vagar
marcha a tardiña
serea e en silencio,
e ti vas dentro, Roberto,
o teu sangue tan cercano,
despedíndote de todo,
asinando o teu destino
na terra dos camiños.
¿Quen me furtou a túa voz?
Un lóstrego letal,
un bafo etílico,
un berro resoante
na humidade da masmorra,
un aramio nos teus pulsos,
o medo á vindeira escuridade,
un irse o mundo nun repente.
Mirade ese mar repleto de futuro,
palpitando en vellas páxinas,
amarelas dos xornais,
nos eternos poemas desta vida,
que falan das cousas que non cambian.
Mirade o trebón que se aveciña,
mirade os náufragos loitando,
ampeando por un pouco máis de aire.
¿Quen os salvará do afundimento?
Mirade como entran
(lembro que son as túas verbas)
–¿por que sempre os mellores? –
na Estixia, no outro mar da eternidade.
Eu, pobre de min ¿que máis direi?
Aquí sigo; sobrevivo
chorándote outra vez,
reinventándote,
ó pé do mesmo baluarte
onde o fervor e a ilusión centuplicaron
o brío dos teus mellores días.
Este poema,de Juan L. Blanco Valdés(sobriño-neto de Roberto Blanco Torres), pubicouno Xesús Alonso Montero con outros nunha Coroa poética á morte de Roberto Blanco Torres (O Castro, 1999).
|
|
|