| Canón do Sil: as cores de outono. |
“Cando os garipos deixaban a rañola ñas lirias, e o desfoscar o dia agañaban a tarazana, xempre algen da familurria oreteaba polos mireos, as veces a bata, outras a belena. A quilma alombada con ruxas, maragotas, algo de bérrea, longaños ñon pouco de dulzórreo ñe de requicha.
Na caixumela algunhas tricantas que iba tratar de feirear, alambruxo pra manchar ñe xuiñas para facer sua. Maquinaba un dia ñautro. Pola gaurra xoulaba onde podia, si nunha ameixúa millor ca nunha parrián, o fin ño cabo ca parrela faise boa almadurria pra chantar a cachamea.
Cando nalgun vilón atopaba autro garipo, podia xirgar mentras botaba un mecaio quinda estaba pallifado na xabeca.
Habia que chusar anque oretee ou axa barruxo, porque facía falta zurro, que Sanqueico nono da de balde.”
(Texto en barallete falando da vida do afiador) |

|
|
O río Sil
O río Sil ve a luz primeira nas fontes que revían ao pé de Pena Orniz, en La Cueta de Babia e esvara polas comarcas leonesas de Babia, Laciana e O Bierzo ata entrar en terras ourensanas por Valdeorras.
Histórico motivo de discusión é o de que se considere afluente do Miño:
- O Sil leva a auga e o Miño a fama (dito popular)
- Licenciado Molina (s. XVI): “dicen que la causa es porque el Sil es estrangero [sic] y el Miño natural.”
- Otero Pedraio, en Os ríos Galegos : “non se pode enxergar ao Sil como un afluente calquera, que deberíamos pensar mais ben en dúas pólas ou en dúas raíces”
|
 |
|
Non podemos esquencer a importancia que tivo na extracción de ouro xa dende tempos anteriores á invasión romana: "los ríos arrastran el oro y las mujeres cavan y después de quitar las partes mas gruesas con una especie de cesto entretejido, lo lavan en bateas". Estrabón. Testemuña daquel aproveitamento aurífero polos romanos é a impresionante obra de enxeñería civil que conforma a mina fluvial de Montefurado. E na tradición popular tamén queda a memoria duns seres mitolóxicos, as lavandeiras do Miño, que seica moran no fondo do río lavando o ouro.
Nos últimos 50 km antes de mesturar as súas augas coas do Miño, coincidindo co espazo do afamado Canón, recolle o caudal de numerosos regatos e ríos como o Cabe, Lor, Mao, Caldelas e Bibei.
|
 |
O Canón do Sil
O Sil lambe as feridas que a tectónica abriu alá polo Terciario ao esgazar profundamente (nalgunha zona ata os 500 m ) as carnes da actual Ribeira Sacra, formando esta marabilla natural declarada como Lugar de importancia comunitaria ( ecosistema protexido con obxecto de contribuir a garantizar a biodiversidade mediante a conservación dos hátitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio dos estados membros da Unión Europea ) e que coñecemos como Canón do Sil.
A RIBEIRA SACRA
Actualmente oito concellos ourensanos (Castro Caldelas, Esgos, Nogueira de Ramuín, Montederramo, Parada do Sil, Pereiro de Aguiar, A Teixeira e Xunqueira de Espadañedo) e tres lucenses (Pantón, Sober e Quiroga) teñen o privilexio de enmarcar o que mellor caracteriza este anaco da nosa terra: a máis insigne tebaida galega, cuxo legado arquitectónico nos deixou ata dezaoito mosteiros e o leito onde dorme e esperta cada ano o máis saboroso mencía do mundo que inspirou a maxia e o bo facer dos alfares de Niñodaguia, dos barquilleiros de Parada, dos afiadores de Luintra e do barallete.
|
 |
A toda esa arte e á súa rica etnografía, únese a exuberante beleza da paisaxe. Mália que este 2007 a seca pertinaz afoga os nosos campos, os miradores da Alberguería, Cerreda, Vilouxe e os Balcóns de Madrid, ofrecen unha explosión cromática de tonalidades cálidas e mistura de fragancias que acariñan os sentidos.
Internémonos, pois, nos soutos polos carriozos (corredoiras) alfombrados coas follas que van na busca das raíces, para alimentalas nese fascinante retorno que forma parte do ciclo da vida. Reparemos como neste paraíso aínda se pode escoitar a música da auga nos regatiños que choutan repenicando alegremente cara o canón.
|
 |
E non deixemos de admirar o inxenio das xentes que poboaron e poboan estas terras, tanto na arquitectura tradicional que aproveita a madeira autóctona dos castiñeiros, como no rabuñar o terreo en pataos (bancais) que semellan angostas escaleiriñas polas que subían as ninfas para serviren de musas dionisíacas aos canteiros de San Pedro de Rocas, de Santa Cristina, de Santo Estevo...
Canto traballiño e canta artrose para conseguir un viño da cor das cereixas, rebosante de xuventude, e amable ao padal que merecidamente enarbora a bandeira da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. |
 |
| |
 |
| |
 |
| |
|