| Ribeira Sacra |
|
"Dende o mar océano ata o rio Bibei, que transcurre entre Trives e Valdeorras, dona a Arnaldo e os seus compañeiros, presentes e futuros, o lugar denominado Rivoyra Sacrata , situado en Montederramo, territorio de Caldelas".
Primeira referencia documental da que temos constancia sobre a denominación da Ribeira Sacra. Pertence ao documento fundacional do mosteiro de Montederramo datado no concello de Allariz o 21 de agosto de 1124, asinado por Dona Teresa de Portugal, filla de Afonso VI.
|

|
|
A RIBEIRA SACRA: San Estevo de Ribas do Sil, Santa Cristina de Ribas do Sil, Santa María de Xunqueira de Espadañedo, San Facundo de Ribas de Miño, San Victorio de Ribas do Miño, San Miguel de Ribas do Sil, San Adrián de Ribas do Sil, San Xoan de Montederramo, San Estevo de Ribas do Miño, San Vicente de Pombeiro, Ferreira de Pantón, e o eremitorio de San Pedro de Rocas, ocupan esta zona entre Lugo e Ourense, co Miño como fronteira silente, mansa e natural.
Paraíso do noso benquerido carballo que, segundo a teoría de Vidán Torreira, podería ser o étimo que, dun xeito máis o menos pagano nomeara esta zona: "riboira/reboira/reboiro" do que sairía Reboira Sagrada (carballo sagrado). Aínda que outras teorías apuntan ao termo latino Ripa (marxe de río ou barranqueira) e Sagrada, por razóns obvias, debido ao grande número de cenobios que concentra.
SAN PEDRO DE ROCAS: Do que non cabe dúbida é de que San Pedro de Rocas eríxese como a máis antiga mostra de cenobio rupestre (ano 573) mellor conservado e coñecido ata o momento actual en Galicia. |
 |
|
Ano 1632. Benito de la Cueva , Prior de Rocas, escribe: “Fue en sus prinçipios esta montaña de Rocas tan áspera e ynabitable que en aquellas dos leguas no sólo no havía lugar ni havitación de gente, pero ni aún entrada para subir a su cumbre, y sólo la hallaban las fieras que por su gran aspereça, naturalmente se criaban en ella. Son tantas y tan altas las torres y riscos que se levantan sobre lo más hondo de un valle, donde oy está la entrada, que no ay número para contallos. Llámanlos los naturales castros o castillos y son de peñas peladas, tan altos y agudos que, mirándolos desde lo más baxo, se pierde la vista y causa temor mirarlos por paresçer se están desliçando sobre la persona que los mira.
Naquelas duras condicións, as mans e o xeito dos precursores desta terra de canteiros, labraron as rochas buscando acubillo e/ou como lugar de reunión de anacoretas.
|
 |
As súas orixes suláganse na lenda, como adoita ocorrer con case todas estas edificacións. O estudo dos variados estilos arquitectónicos que se poden observar na igrexa hipoxea, evidencia que nunha primeira fase habería unha ou varias grutas comunicadas entre elas e que máis tarde darían paso a capelas de pranta de ferradura en tempos prerrománicos (o
Privilexio de Alfonso V, do ano 1007 supón que San Pedro de Rocas xa era unha ecclesia en tempos de Alfonso III).
Alberga entre o interior e o exterior máis de trinta sartegos antropomorfos datados entre os séculos VIII-X, orientados de O. a E.
Tamén podemos observar o pouco que queda dun mural co mapamundi (só con Asia, África e Europa, o mundo coñecido en época románica) posible representación da diáspora apostólica. |
 |
SAN ESTEVO DE RIBAS DO SIL : A primeira referencia documental é o privilexio de Ordoño II, de 12 de outubro do ano 921, a favor do mosteiro de San Estevo situado en “territorio Buualo, provintie Galletie, Ripe Silis, ad portum Nobum, inter portos Sanabreca et Palumbario, subtus castello Litorie” polo que se autoriza ao abade Franquila a
reconstruir o mosteiro de San Estevo, “iacentem in ruina” e lle concede numerosas posesións.
A súa historia abarca máis de 900 anos e chegou a ter 60 monxes en 1764.
Nel profesaron nove vispos, tal como reflicte o escudo da fachada. Experimentóu un grande desenvolvemento e, tras un período de certa decadencia, recuperou a plenitude no século XVIII.
|
 |
| O 8 de novembro de 1835 prodúcese a exclaustración por mor da desamortización. Os bens son subastados e as fincas colindantes véndense á familia dos Taboada de Ourense. A igrexa pasou a ser parroquial en 1843. En 1923 declárase monumento nacional e vai esmorecendo ata que, recentemente se transforma en Parador Nacional con 77 cuartos, restaurante, salóns de convencións. |
|