O berce do Miño: Serra de Meira | via auria

 

Mañán de pés fríos e leite en pó do amigo americano . Foto do Generalísimo . Arrecendo de goma Milán e de libros novos. O mestre sinala cunha vara de vido o percorrido da principal arteria de Galicia que seguen varias dúcias de ollos moi abertos ao compás da canción máis popular: “El Miño naaaace en Fuente Miiiiña, provincia de Luugo, pasa por Luugo, Oooorense y Ponteveeedraaaa…”

Comarca de Meira | As illas do Miño | O pai Miño | Castro de Viladonga

Recreación dunha escola dos anos 50 na Casa Museo Pazo da Cruz

Pois non cambiou o conto nin nada. Tanto que, nin xiquera o Miño nace xa en Fuente Miña :

Un río con tantos pulos
non pode nacer no chan;
ten que nacer nunha serra
grávida de maxestá.

(Avelino Díaz)

A tan célebre lagoa de Fonmiñá é unha surxencia de augas profundas, vinculada a procesos cársticos e/ou hidrotermais que xorde máis abaixo do nacemento do Miño, no concello da Pastoriza. Esta é a conclusión á que chegaron expertos en hidrografía, tras introducir medidores para comprobar a profundidade das fontes e así concluiron que tanto a Serra como o Val de Meira están situados sobre unha gran balsa de auga e que, por iso, nace a auga en diferentes puntos, un deles, a lagoa de Fonmiñá, onde observamos centros de burbulliñas que soben cara á superficie

Esa serra debruzada no Cantábrico, que dorme coma un animal preñado, entre a Mariña e a Terra Chá, hai moito tempo, e entre fortes contraccións froito da dinámica periglaciar (hai uns 20.000-10.000 anos), pariu dous ríos senlleiros que segue amamantando con mansedume: o Eo, polo leste e o Miño, polo oeste.

Pedregal de Irimia

¿Quen dixo, craro río Miño

que naces en Fumiñá

se xunt-a Monterredondo,

xa pasas feito un rapaz?

Se xa na Ponte de Meira
semellas ser un lanzal
mozo, que canta as cantígas
i-ó lonxe vai troulear!Eu sei que, sendo inda neno,
cando escoitas as campás
de Meira, na Veiga d-Horta,
aprendes a rezar.E sei, tamén, que tés
o teu bercio máis atrás,
aló na Serra de Meira,
d-Irima no Pedregal.E, dend-ali, como todo
galego qu-ha d-emigrar,
xa sales dicindo un prego
ou ben, un doce cantar.Despois, no longo camiño
pol-a terra galicián,
es un meirego que marcha
camiño de Portugal.

Por eso, porqu-és meirego.
por eso te quero máis.
(¡ Quizabes tuas augas levan
as bágoas de miña nai!)

Cando chegues, río galego ,ás costas de Portugal
rolando en limpas maréias
volta ás praias galiciáns.¡ Volve, río Miño, volve,
que o galego que se vai
po-los vieiros do mundo
sempre teima de voltar!

O Poeta de Meira, Avelino Díaz, 1897 - 1971

Aqueles doorosos traballos de parto da Serra de Meira, entre xeos e desxeos, formaron o Pedregal de Irimia, baixo o que se escoan as infantís augas do Miño

MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE MEIRA

O 26 de agosto do ano 1151, Alfonso VII concede ao seu vasalo, Álvaro Rodríguez, a terra erma de Meira: illa villa herema quae vocatur Meira per suos terminos antiquos cum omnibus suis directuris et cum omnibus suis pertinentiis.

O momento de máis pulo foi dende a súa incorporación ao Cister, entre os anos 1151 e 1154.

Conserva na porta do templo as ferraxes románicas orixinais do século XIII, en forma de planchas con ramificacións lobuladas que, en ocasións, recordan formas animais (rá, cobras, cabezas de cans...).

Estas ferraxes poden verse tamén en San Salvador de Sarria, Vilar de Donas, Hospital do Incio e tamén na porta norte da catedral lucense, coas particularidades estilísticas de cada unha delas.

A fachada preséntase dividida en tres segmentos verticais que marcan as tres naves interiores e presidida por un impoñente rosetón.

O seu interior garda numerosas obras de imaxinería e unha das pezas máis interesantes e valiosas é unha antiga cruz de cobre dourado cun singular Pantocrátor.

Asociación Cultural Vía Auria, sen ánimo de lucro e con sede en Ourense. Número de Rexistro 2005/008617-1 (OU)© 2005 Via Auria